A verdadeira historia da Fernanda
Se paseamos polo concello de Poio, atopamos dous lugares que comparten un nome curioso: A Fernanda. Un está en Fontenla, e o outro no Camiño da Fernanda, en Campelo, separados apenas por uns 1,8 quilómetros. E inevitablemente xorde a pregunta: quen sería esa misteriosa muller chamada Fernanda, tan presente na toponimia do lugar?
A resposta, porén, sorprende: A Fernanda non é unha muller, senón unha planta.
O nome procede do farnelo, tamén chamado fariñenta ou farmento, unha herba cuxo nome deriva do latín farina, pola súa aparencia fariñenta, branca e suave. O erudito Padre Sarmiento xa a mencionaba no seu Catálogo de voces vulgares y en especial de voces gallegas de diferentes vegetables (1754–1758), onde a identificaba co Chenopodium —a coñecida “pata de oca”—, un xénero de plantas moi común nos campos galegos.
Esta planta, hoxe case esquecida, foi cultivada antigamente tanto para o consumo humano coma para o animal. As súas follas comíanse como as espinacas, e das súas sementes facíase fariña para o pan.
As zonas onde se cultivaba o farnelo chamábanse farnais, farnentos ou farnales, termos que co tempo foron transformándose por uso popular en fernantos e, finalmente, en Fernanda. Así naceu o topónimo que hoxe atopamos en Poio.
O propio Sarmiento recolleu esta evolución lingüística cando escribiu:
“Chámanlles así en Armenteira aos farnentos; por corrupción, fernantos, fernandos.”
(Catálogo de vegetables, 1754–1758).
Curiosamente, a palabra farnadeiro tamén garda relación co mundo agrario. Usábase para describir o momento no que as plantas liberan o seu pólen, cuxo po semella fariña. De aí que farna designase a parte alta do millo, a que espalla o pólen, unha planta chegada de América pero rapidamente integrada no léxico rural galego.
![]() |
| O pendón do millo recibe o nome de farna |
Así, detrás do nome “A Fernanda” escóndese unha historia de lingua, terra e memoria popular. Un recordo botánico que nos fala da vida labrega doutros tempos, cando ata o máis pequeno detalle da natureza tiña nome e lugar no mundo.
