Antes de ser vila mariñeira, Marín puido nacer doutra maneira máis antiga e silenciosa: como un cercado de gando.
A toponimia aínda garda as pegadas dese tempo remoto. No corazón da vila atopamos dous nomes irmáns: Busto de Arriba e Busto de Abaixo.
O topónimo Busto —e os seus derivados Bustelo ou Bustelán— repítense por todo o noroeste da península: de Galiza á Cantabria, pasando polo norte de Portugal. Son ecos dun mesmo pasado pastoril que a lingua foi gardando coma quen conserva un recordo antigo.
Os filólogos teñen rastrexado esta voz ata unha inscrición celtíbera, a coñecida Botorrita I, onde aparece como Boustom: un termo que designaba un recinto para o gando, un estábulo ou tapada comunal.
É doado imaxinar aquel busto compartido polos habitantes do castro da Subidá, un espazo de pastoreo colectivo onde as vacas pacían baixo a vixilancia da comunidade.
O seu perímetro —quizais— coincidía co trazado das actuais rúas da Calzada, do Sol, Doutor Touriño Gamallo e do Busto de Arriba, pechando o círculo na Calzada de novo: o vello cercado convertido, co paso do tempo, no corazón mesmo da vila.
“Cantos dos nomes que hoxe usamos agochan aínda a memoria dos nosos devanceiros?
